Fina Casalderrey. Orixe da fotografía: Cedida pola autora.

Todas as autorías > Fina Casalderrey

Fina Casalderrey

Biografía

Fina Casalderrey é mestra e escritora. Naceu en Santo André de Xeve (Pontevedra), en agosto de 1951. Estudou Maxisterio, especializándose en Matemáticas e Ciencias da Natureza e diplomouse posteriormente en Lingua e Literatura Galega na Escola Oficial de Idiomas.

Despois de pasar por varios centros, estivo 25 anos como mestra en Moraña e os dez últimos, previos á súa xubilación, impartiu docencia no IES Illa de Tambo de Marín.

No ano 1991 deuse a coñecer no mundo literario e desde entón publicou máis de sesenta títulos, dirixidos principalmente a lectores infantís ou xuvenís. Tamén é autora de publicacións pedagóxicas e ensaios gastronómicos.

Ademais, colabora na prensa, revistas, congresos, xurados, pregóns, charlas-coloquio, mesas redondas… sobre literatura ou gastronomía. Desde novembro de 2013 forma parte da Real Academia Galega como membro numerario.

Obras destacadas

  • Mutacións xenéticas (1991, Vía Láctea).
  • Dúas bágoas por Máquina (1992, Edicións Xerais), con ilustracións de Víctor Rivas, premio Merlín.
  • O misterio dos fillos de Lúa (1995, Editorial SM), premio O Barco de Vapor e premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.
  • O estanque dos parrulos pobres (1996, Edebé Editorial), con ilustracións de Teo Puebla Morón, premio Edebé de Literatura Infantil.
  • A filla das ondas (1999, Kalandraka), con ilustracións de Xosé Cobas.
  • 1 pulga, 5 amigos e 1 tándem (2009, Concello de Pontevedra), con ilustracións de Manuel Uhía.
  • Pontevedra. Laranxeiras e limoeiros (2015, Editorial Galaxia).
  • A muller xabaril (2023, Edicións Xerais).

Obras en Pontevedra (d)escrita