Todas as obras > A muller xabaril
A muller xabaril
Sinopse
Ninguén sabía os motivos polos que unha moza de refinado encanto e elevada altura, tanto física coma intelectual, se fora convertendo nun repulsivo esperpento, nun animal. A Muller Xabaril percorría o mundo cun saco ao lombo e nel, ademais de quincallas do seu cotián vagabundo, levaba libros.
Unha historia amarga e dolorosa, intrigante e conmovedora, que lexitima a memoria e afonda nas miserias humanas e nos segredos familiares enmarcados nas turbulencias políticas da primeira metade do século XX.
Cita
“Subiron a costa coa enerxía dos poucos anos, atravesaron a Alameda e pronto estiveron na Rúa Real para mercar cadanseu bocadillo: de queixo e marmelo, de sardiñas en conserva, de bonito con pementos morróns, de mexillóns… Non tiñan nada que ver cos que vendían no instituto. Na de Ríos, moi preto da Fonte dos Tornos, facianos máis sabedeiros e aqueles rapaces precisaban reparar forzas antes de entraren na academia onde os agardaban tres horas ininterrompidas de traballo intenso. Unha vez servidos, metéronse pola rúa Sarmiento cara á praza do contraalmirante da Real Armada Española, Casto Méndez Núñez; alí, onda a casa dos irmáns Muruais, sentaron na escalinata da academia Cervantes para daren boa conta do manxar antes de entraren na pasantía”.