Todas as autorías > Martín Sarmiento
Martín Sarmiento
Biografía
Frei Martín Sarmiento (1695-1772) foi un relixioso beneditino e escritor, considerado un dos pais da filoloxía románica e galega. Naceu en Vilafranca do Bierzo e medrou en Pontevedra, no pazo de Santa Margarida. Foi autor dunha extensa obra, do conxunto destaca o compromiso coa lingua galega e a súa defensa como lingua válida para todos os usos.
Aos 15 anos trasladouse a Madrid para ingresar na orde de San Bieito, onde destacou como intelectual e científico. Mantivo unha estreita relación con figuras como o padre Feijoo e dedicou parte da súa vida a loitar pola creación de bibliotecas públicas e xardíns botánicos, así como pola introdución da lingua galega en ámbitos como as escolas, igrexas e xulgados. Realizou varias viaxes por Galiza, con expedicións científicas onde recolleu a riqueza natural e cultural da súa terra.
En 1944 fundouse o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Gallegos en súa honra, continuando o seu legado na investigación e promoción da cultura galega. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 2002.
Obras destacadas
- Viaxe a Galicia (1745).
- Coloquio dos 24 galegos rústicos (1746).
- Catálogo de algunos libros curiosos y selectos (1748).
- Catálogo de voces vulgares y en especial de voces de diferentes vegetables (1754-55).
- Sobre el Origen de la Lengua Gallega y sobre la Paleografía española (1755).
- Disertación sobre las eficaces virtudes y uso de la planta llamada carqueixa (1759).
- Geografía de las cuatro vías militares que salían de Braga a Astorga (1759).
- Sobre los castellanos de Orense (1758).
- Onomástico etimológico de la lengua gallega (1758-69).
