Todas as autorías > Elvira Ribeiro Tobío
Elvira Ribeiro Tobío
Biografía
Elvira Ribeiro Tobío (1971) é natural da parroquia pontevedresa de Cerponzóns. É diplomada en Maxisterio pola Universidade de Vigo e licenciada en Filoloxía galego-portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela.
A súa traxectoria laboral está vinculada á docencia de lingua, cultura e literatura galegas, tanto no ensino medio como na universidade, así como na formación de persoas adultas. Tamén se dedica á tradución e á elaboración de materiais didácticos, alén de impartir obradoiros de creación literaria e animación á lectura.
Os seus primeiros poemas aparecen en publicacións colectivas a comezos do século XXI e en 2005 publica por primeira vez de forma individual. Na súa obra destaca a poesía e a literatura infantil e xuvenil, acadando numerosos premios.
Interesada na poesía experimental, en 2010 comeza a experimentar en diversos proxectos coa música e a videocreación a par dos textos poéticos.
Obras destacadas
- Andar ao leu (2005, Deputación de Pontevedra).
- Arxilosa (Litoral das Rías, 2005), premio Rosalía de Castro de Cornellà.
- pAlAbrAs brAncAs (2008, Edicións Xerais), con ilustracións de Fino Lorenzo, premio Xosé Neira Vilas da Asociación Galega de Editores á mellor edición infanto-xuvenil do ano 2008.
- Biografía da Multitude (2009, Instituto de Estudos Miñoranos), escrito xunto con Silvia Penas e premio Victoriano Taibo de poesía.
- Carnia haikai (2012, A. C. Caldeirón), premio de Poesía Erótica Illas Sisargas.
- Corpos transitivos (2013, Edicións Fervenza), premio de poesía Avelina Valladares.
- Pontevedra. Laranxeiras e limoeiros (2015, Editorial Galaxia).
- Playlist para unha retirada (pendente de publicación), premio de poesía Manuel Leiras Pulpeiro.
