Esta semana preséntase ‘Pontevedra poética. Paseo sobre a historia da poesía no concello’, primeiro dos paseos previstos dentro do proxecto Pontevedra (d)escrita, do Concello de Pontevedra, deseñados coa vontade de visibilizar a diversidade de voces da Boa Vila.
Este paseo ofrece unha visión global sobre a relación entre o noso concello e a poesía en lingua galega. Visitaranse nove espazos singulares co obxectivo de resumir unha intensa historia que comezou xa no século XIII con Paio Gomes Charinho. Nomes como os de Sarmiento, Amado Carballo e Aurora Vidal van neste paseo da man da colección Benito Soto, Filomena Dato ou Francisco Cortegoso, sen esqueceremos a pegada da poesía oral popular ou visitas ilustres.
Destinado para público adulto (recomendado a partir dos 16 anos), cada sesión ten un máximo de 30 participantes e unha duración aproximada de 1 hora e media. Haberá tres sesións guiadas os días:
- Sábado 21 de xuño: sesións ás 11h e ás 19h.
- Venres 4 de xullo: sesión ás 19h.
Inscricións en: apuntate.pontevedra.gal
Deseño e guía dos paseos: Maos Innovación Social, S. Coop. Galega
