Pontevedra (d)escrita é unha iniciativa da concellaría de Cultura do Concello de Pontevedra, que xorde coa idea de ofrecer unha visión panorámica da relación entre a Boa Vila e a literatura. Artellada ao redor dun mapa literario da cidade pontevedresa, o proxecto conta ademais cunha versión web do mesmo, ampliando os seus contidos, onde se recolle tanto unha versión online do mapa como autorías, obras, roteiros e espazos de inspiración e creación literarias.
A través dunha ollada ampla e representativa, este proxecto vincúlanos á cidade e ao resto do concello a través das letras, rachando coas visións monolíticas da literatura e visibilizando a diversidade de voces. Con este proxecto poderás (re)descubrir novas e vellas voces da literatura vinculadas a Pontevedra, tanto por orixe como pola importancia da cidade na súa obra. Comezando por María Victoria Moreno para rematar en Lorena Conde, pasando por nomes como Valentín Paz Andrade, Castelao ou Fina Casalderrey.
Tamén por inspiración ou como escenario, a nosa cidade está intensamente vinculada á creación literaria, e faino desde visións diversas tal como nos contan algunhas das obras aquí ambientadas como O día que choveron gatos, O triángulo inscrito na circunferencia ou Morning Star. Non sen esquecer, lugares de creación como a imprenta Gráficas Torres, actualmente xa pechada, ou Voces ocultas, o proxecto de creación artística na escola de artes Estudo Bonobo a través do traballo musical, audiovisual e escénico con persoas con discapacidade.
Ademais, a través da nosa web podes percorrer a cidade con outra ollada seguindo os pasos de Xesús Constela e A voz secreta das pedras ou de Elena Gallego e a Pontevedra Dragaliana, entre outras figuras a través dos itinerarios literarios do mapa.
Queremos continuar a construír unha Pontevedra (d)escrita diversa e en permanente mudanza, como a nosa propia cidade.