Todas as obras > Pontevedra, boa vila
Pontevedra, boa vila
Sinopse
Trátase dun libro coral coordinado por Agustín Portela Paz, quen tivo a iniciativa e quen se encargou de o ilustrar. A idea era compilar pequenos artigos que tratasen sobre costumes e persoas locais de Pontevedra. Colaboraron 36 persoas, tanto en galego como en castelán. Destacan M. Cuña Novás, Prudencio Landín Tobío, Plácido R. Castro, Ramón Barreiro, Xulio Sigüenza, Celso Emilio Ferreiro, Isidoro Millán, Borobó, Francisco Javier Sánchez Cantón, Florentino López Cuevillas, Aquilino Iglesia Alvariño, Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez, Sabino Torres, Antón Fraguas, Salvador Lorenzana, Ramón Otero Pedrayo, Xosé Filgueira Valverde, Fermín Bouza Brey, Vicente Risco ou Ramón Cabanillas.
Cita
“Acolá enriba as greas de romeiros
rubindo o carreiral de verdes louros;
mais outo inda o mosteiro de bieitos
deitado entre parrales bretemosos
e o badalar dos sinos lareteiros
como estorniños a pregoar nos cotos:
‘Si vas a San Benitiño
non vaias os de Paredes
que é moito máis milagreiro
San Benitiño de Leres’.
Da igrexa sai o nobre Patriarca
do corvo ledo, no peteiro o bolo,
levado en trunfo -o blago en arrandeo-
antre as quentes beizóns dos seus devotos,
en tanto que os foguetes vagabundos
dende o alto berran co algareiro trono:
‘San Benitiño de Leres
o que lle foron armar:
que tiña un homiño morto
debaixo do seu altar’”.