Paseo guiado ‘Mañá será outro día’

Xa está aquí o segundo dos paseos previstos dentro do proxecto Pontevedra (d)escrita, do Concello de Pontevedra, deseñados coa vontade de visibilizar a diversidade de voces da Boa Vila.

Baixo o nome de ‘Mañá será outro día. Paseo sobre a literatura e o exilio en Pontevedra’ este paseo ofrece unha visión global sobre a relación entre a literatura, o exilio e Pontevedra e terá lugar no mes da memoria histórica. Como Castelao desde Buenos Aires, pousaremos o noso pensamento na cidade e visitaremos oito espazos, deixando marxe á esperanza, como el mesmo fai coa frase con que pecha ‘Sempre en Galiza’: Mañán será outro día. E é que, a pesar das atrocidades sufridas, o exilio non calou e a literatura foi unha das súas ferramentas máis poderosas. Aparecerán no noso camiño nomes como os de Xosé Sesto, Ramón de Valenzuela, Josefina Arruti, Osorio-Tafall ou Paz-Andrade.

Destinado para público adulto (recomendado a partir dos 16 anos), cada sesión ten un máximo de 35 participantes e unha duración aproximada de 1 hora e media. Haberá tres sesións guiadas os días:

  • Sábado 15 de novembro: sesiós ás 16.30 h.
  • Sábado 22 de novembro: sesións ás 12 h e 17 h.

Deseño e guía dos paseos: Maos Innovación Social, S. Coop. Galega