Todas as autorías > Xosé Sesto
Xosé Sesto
Biografía
Xosé Sesto López (1909-1998) foi un xornalista, escritor, debuxante e pintor natural de Pontevedra que faleceu en Venezuela a onde emigrou en 1955. No ano 1995 recibiu a Medalla Castelao.
En 1928 fundou a revista pontevedresa Acción onde publicou debuxos e tamén asinou contos co pseudónimo A. Turuxo. Máis tarde participou na fundación das revistas, tamén pontevedresas, Cristal e Spes, así como publicou en Logos e Faro de Vigo, onde tiña unha sección titulada “El refrán y su sombra”, na que comentaba un refrán acompañado cun debuxo orixinal.
Estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e foi funcionario de Facenda en Pontevedra e Vigo. Ademais foi premiado nos Xogos Florais de Pontevedra en 1929 e recibiu unha bolsa da Deputación de Pontevedra para estudar arte, especializándose nas artes do libro. Entre outros, ilustrou Nao senlleira de Fermín Bouza Brey e El libro de Santiago de Xosé Filgueira Valverde. Máis tarde fundará o seu propio obradoiro ed encadernación.
En 1931 participa na fundación do Partido Galeguista e, tras a súa escisión, Direita Galeguista de Pontevedra con Vicente Risco, entre outras figuras. Foi amigo de Alexandre Bóveda e viviu con el as súas últimas horas.
No ano 1955 chegou a Venezuela da man do seu irmán Manuel e grazas a súa experiencia co obradoiro en Galiza, comeza a dar aulas na Escola de Artes Plásticas Cristóbal Rojas. Foi restaurador e director do laboratorio de restauración do Departamento de Patrimonio Histórico e Artístico da Alcaldía de Caracas e en 1958 funda o seu obradoiro de encadernación baixo o nome de Finisterre. Ademais, en Venezuela participa en diferentes publicacións periódicas e continúa as súas investigación sobre o refraneiro galego.
Obras destacadas
- Refraneiro da muller (1976, Editorial Castrelos).
- Cantigas para catro mortes (2008, Federación Galega de Emigrantes Retornados).