Todas as obras > Volver, un tango pontevedrés (Historias para coñecermos Pontevedra: San Mauro)
Volver, un tango pontevedrés (Historias para coñecermos Pontevedra: San Mauro)
Sinopse
Rosa é o nexo emocional que mantén vivo no tempo a sensación de estar en casa. Cando Ana sae da estación de tren para ver a súa nai, a única patria que recoñece de seu, rexorden lembranzas que tiña agochadas. O relato cóntanos con certa nostalxia como se vai construíndo unha familia e como cambia co paso do tempo. A autora concibe as historias de vida como unha viaxe interior de ida e volta que transcorre na memoria das protagonistas, coa cidade de Pontevedra como fío condutor.
Cita
“Sei que vou morrer, todos imos facelo, claro, pero a min xa non me queda moito. Eles cren que non me decato ou que prefiro mirar para outro lado e facer coma a maioría, non encarar a propia morte, coma se me importase morrer, que tampouco é que teña présa, eh!, présa ningunha, agora que podo poñerme dúas culleradas de sucre sen que ninguén me diga nada, non se atreven, deben pensar, para o que lle queda, que coma o que queira, e que non fago cola no súper porque sempre hai alguén que me deixa pasar, xa sei como pór cara de inválida aínda que cando chegue a casa tire o bastón, vale que coxeo un pouco pola fascite, que ás veces doe de raio, é certo, pero hai días que nin o noto, que cheguei a esta idade perfectamente, non coma outras que vexo por aí e penso que non pode ser que fosen á escola comigo, que serán as súas irmás maiores porque é imposible que esas momias viventes teñan a mesma idade ca min, que xa me di María, a fisioterapeuta que me arranxa de vez en cando a espalda cando quedo presa do lumbago, que teño unha pel preciosa, que non parezo maior, a punto estivo de dicir anciá, pero detívose a tempo, pero si, son vella, estou nesa idade que vivir e morrer son o canto dunha moeda, tanto pode ser que si como que non, e parece que a min xa me toca que non, e por aquí andan todos revolucionados coma se a miña presenza fose importante, co pouco caso que me fan, en realidade, aínda que veñen comer os sábados, o domingo non porque o domingo é o día libre de Marilis e se teñen que cociñar e recoller, xa non é tan divertido.”