Todas as obras > Versos para a(r)marme e feridas
Versos para a(r)marme e feridas
Sinopse
Días, tardes e noites pasei pensando en ti, ou tal vez pensaba en min? Os restos de todo canto había no meu interior agora descansan entre estas páxinas. Trala autopsia feita ao meu corpo non atoparon nada, creo que se equivocaron, tiñan que ter lido dende un comezo todo canto te escribín, todo canto me escribín. Agora queda cambiar de corpo, deixar resucitar a miña alma de entre todos os restos que deixamos, que deixaches, que deixei. Convertindo así o mito da ave fénix en realidade, deixando a resiliencia coma himno para que esta acompañe aos recordos gravados a lume que nunca rematarán de arder.
Cita
Unha nena fuxe da casa ao parque,
tras semanas de choiva, volveu saír o sol;
seu can corre tras ela movendo rapidamente a cola
A suave brisa da primavera zarandea as flores silvestres do campo descoidado tralos fortes diluvios de abril.
Ao rato pode escoitarse a unha nai chamar contenta pola súa filla:
“A merenda!! É a hora do bocadillo, miñoca!!”
Merenda
O gran barco pirata e a torre que derribar xa non son protagonistas.
Agora o importante é o bocadillo recentemente feito con todo o cariño que unha nai pode ter para a súa filla.
Unha vez rematado o bocadillo é hora de volver ao mundo de fantasía,
de volver soñar con todo un mundo de posibilidades en simples randeeiras transformadas en todo un universo corsario.”