Todas as obras > Un taxi verde e un concerto
Un taxi verde e un concerto
Sinopse
Un relato que transita por historias familiares de masóns, republicanos, socialistas, galeguistas, conservadores, falanxistas, peronistas; desterros, cadea, exilio, depuracións, tribunais franquistas, emigración, viaxes, revolucións. A Guerra Civil e as súas consecuencias. Profesoras de universidade e mulleres sachando, canteiros e labregos, mestres, médicos e avogados. E tamén o mundo rural de Cotobade, o Instituto e a adolescencia na Pontevedra dos cincuenta, a Compostela dos sesenta, a universidade e as persoas e organizacións do conflito do 68.
Cita
“O tío Coca levoume a Raxó nun taxi verde con gardalamas negro porque me ferira nun dedo cunha caixa de betume. Ese é o meu primeiro recordo. Tería catro ou cinco anos. Fomos pola Ponte das Correntes, baixo a que desemboca o Alba no Lérez, e paramos en fronte da igrexa de Santiaguiño do Burgo, posiblemente a coller gasolina. O tío Coca, ou Quique, o irmán máis novo da miña nai, aínda solteiro, vivía con nós, cos meus pais, os meus irmáns e miña avoa Cefarina na casa da rúa Sagasta de Pontevedra. Durmía no cuarto de atrás e levábanlle o almorzo á cama, supoño que as muchachas -nese tempo había dúas na casa, ás veces tres, contando a neneira-; e eu, antes de saír para o colexio -asistín desde moi cedo a preescolar do instituto onde Daría, a miña nai era profesora-, ía correndo a que me dese a primeira sopa dos ovos fritidos que almorzaba. Por iso sábeme moito mellor os ovos fritidos polo día que pola noite. Isto sóubeno antes de ler Un amor de Swann.”