Todas as obras > Toda a vida

Toda a vida

Luís Rei Núñez
Editado por: Edicións Xerais
Ano de publicación: 2005

Sinopse

En Toda a vida, seguimos a historia de Mar Deus e Telmo Andrade, unha parella de vellos amantes que sosteñen o seu amor sobre a traizón, na atmosfera moral dun tempo de posguerra que conspira contra a entrega física, aínda que non pode evitar que se dean a alma desde o seu primeiro encontro. Á fin, a súa firmeza ao longo de cinco décadas acaba redimíndoos na plenitude do derradeiro ano das súas vidas. Estas páxinas seguen, tamén, a relación probable, e á vez incerta, de Camilo Dubra e Caetana Nariga, unha parella de mozos de hoxe; para eles, que si poden gozarse, a proba á que os somete o seu tempo é a do descompromiso, que parece unha enfermidade sen cura.

Cita

“Telmo Andrade chegaba ó traballo algo tarde aquel día e subiu directamente ó seu despacho. Só o xefe e os algo xefes tiñan bula para chegaren tarde ou algo tarde, e só eles traballaban no primeiro andar. En realidade, Telmo Andra- de era máis ca algo xefe, posto que para acceder á súa praza á fronte da área de Explotación tivera que superar as oposicións ó Corpo Superior de Correos, e isto permitiríalle postularse para algunha xefatura provincial que quedase libre. Unha aspiración así, en cambio, estaba fóra do alcance dos que accedesen ás áreas desde o Corpo de Xestión; todos os demais nesta delegación de Correos e Telégrafos. Porén, mentres seguise sen solicitar o traslado a unha xefatura vacante, alí non pasaba de ser un máis entre os privilexiados con dereito a traballar no primeiro andar, e nin estes o facían obxecto dunha consideración especial nin el llela reclamaba, xa que tampouco o facía cos auxiliares e subalternos confinados no baixo. El, por outra parte, non pensaba moverse de Pontevedra.”