Todas as obras > The Bible in Spain
The Bible in Spain
Sinopse
Obra autobiográfica e novelesca do escritor George Borrow, que aceptou o encargo da protestante Bible Society de Londres, de distribuír exemplares do Novo Testamento por España, empuxado pola necesidade e tamén polo anhelo de viaxar a terras estranxeiras. A súa obra narra as aventuras desta viaxe na España da Primeira Guerra Carlista, cunha visión que oscila entre o realista e o romántico.
Cita
“Pontevedra no seu conxunto, ten certamente dereito ó título de cidade magnífica; algúns dos seus edificios públicos, especialmente os conventos, son tales que non se atopan en parte ningunha agás de España e Italia. Está cercada por unha muralla de pedra labrada toscamente e érguese no final dunha enseada na que desemboca o río Levroz [Lérez]. Dise que foi fundada por unha colonia de gregos dos que o seu xefe non era outro personaxe que Teucro o Telamonio. En tempos pasados foi un lugar de considerable comercio e preto do seu porto vense as ruínas dun farol, ou faro, que se di ser de gran antigüidade. O porto, nembargante, está a unha considerable distancia da cidade e é de pouco calado e incómodo. Toda a campiña nas inmediacións de Pontevedra é inconcebiblemente deliciosa, abondosa en froitos de toda caste, especialmente uvas, que na estación apropiada se ven colgar das parras en saborosa lozanía. Un vello autor andaluz dixo que produce tantos laranxeiros e limoeiros como nas inmediacións de Córdoba. As súas laranxas, con todo, non son boas en modo ningún e non poden competir coas de Andalucía. Os pontevedreses gábanse de que a súa terra produce dúas colleitas cada ano e de que mentres están a recoller unha, están a cavar e a sementa-la outra. Ben orgullosos poden estar da súa terra que é certamente un lugar sumamente favorecido.”