Todas as obras > Oito días sen Eva Cortes
Oito días sen Eva Cortes
Sinopse
A desaparición de Eva Cortes sacode a cidade de Potevella mentres a prensa comeza a furgar na súa vida. A xornalista Antía Ubeira enfróntase ao seu xefe para non facer dun suceso tan tráxico unha noticia sensacionalista. O diario de Eva Cortes, as novas do suceso no xornal e a visión de Antía son as tres voces que narran esta novela de medos e perigos ao redor do machismo presente nas diferentes capas da sociedade.
Cita
“Eran máis das nove da noite cando Antía puido desconectar o ordenador. Fóra xa non había luz e o día apagábase sen que a ela lle dese tempo a aproveitar as últimas raiolas no camiño á casa. Non chegar a nada era xa unha rutina. Recordouno á vez que volveu sentir esas cambras nas virillas que a atormentaran toda a tarde mentres trataba de acabar a páxina. Aquela dor presaxiaba, outro mes máis, a derrota. Non quixo pospoñer o momento e foi ao cuarto de baño da redacción antes de saír do traballo. Baixou as bragas e contivo o alento impoñéndose a esperanza. Cortou un anaco de papel hixiénico e introduciuno levemente na vaxina. Soltou o aire resignada ao comprobar que estaba manchado de sangue. Outro mes máis”.