Todas as obras > O encargo do señor Castelao

O encargo do señor Castelao

Luís Rei Núñez
Editado por: Edicións Xerais
Ano de publicación: 2016

Sinopse

Castelao foi feliz en Pontevedra, a pequena capital de provincia á que chegou en 1916, cando era fundamentalmente artista. Dúas décadas despois, sendo xa sobre todo político e dirixindo a loita do galeguismo, o estoupido da guerra no verán de 1936 afástao de alí para sempre. Debe deixar atrás, canda recordos imborrables, o fillo que tivera que enterrar e o compañeiro Bóveda, fusilado ao pé dun piñeiro polos sublevados. A vida arrástrao daquela por metrópoles coma Nova York, Bos Aires, París e, de novo, Bos Aires. Son tempos que inclúen o seu paso por un ministerio sen carteira do Goberno da República no exilio e mais o reencontro casual con José Gómez Gayoso, o militante comunista ao que poderá recorrer cando a dor do fracaso o leve a facer un encargo que o desacouga: por que non vingar o martirio do seu mellor amigo da Pontevedra onde creron que os soños ían ser posibles?

Cita

“A aparición daquela biblia formaba parte dunha estratexia que incluíu como feitos complementarios a inmediata posta en marcha do Consello de Galiza, con ambición de xermolo dun executivo eutónomo no exilio; a, en segunda instancia, a creación de Galeusca (unha tripla alianza de socorros mutuos entre galegos, éuscaros e cataláns); e a medio prazo, o ingreso dun representante propio no Goberno da República no exilio.
Aquel conto da leiteira andaba xa polo seu segundo paso, coa sinatura da acta fundacional do Consello.”