Todas as obras > Asalto ao tren da portela (Historias para coñecermos Pontevedra: A Caeira)

Asalto ao tren da portela (Historias para coñecermos Pontevedra: A Caeira)

Víctor Freixanes
Editado por: Editorial Elvira
Ano de publicación: 2023

Sinopse

A obra fala dun tempo onde a nenez se vivía fóra da casa, de longos veráns e invernos coas pernas ao ar. Tardes de tebeos e futbolín, domingos con Gary Cooper e John Wayne na platea do cine en sesión continua. Naqueles días, a maioría das veces deitados na herba das veigas, bulían polo maxín da xove cuadrilla cantidade de ideas, mesturadas con xogos e aventuras, arestora imposíbeis.

Cita

“Os sábados pola tarde subiamos á Caeira a ver pasar os trens. Cruzabamos a ponte de Santiago, entrabamos pola xunqueira do Alba e instalabámonos na varanda do monte a ver pasar as máquinas. O Correo de Madrid, o Rápido, o Expreso que viña de Redondela… O Nano, que era do capitán da banda, sabía os nomes de todos e a hora exacta á que debían pasar. «O Correo trae sete minutos de retraso», dicía. E abofé que controlaba. Os que máis nos gustaban eran os Mercancías. Eran os nosos preferidos. Contabamos os vagóns cando pasaban. Un, dous, tres, catro… Ás veces chegaban a sesenta e setenta, con dúas máquinas para subir a costa da Portela. «¡Desta van máis de cen!», berraba o Fito. A costa da Portela era terrible. Alí era onde se poñían a proba as máquinas: turrando, bufando, rinchando, alasando, largando barafadas de vapor e cichos de auga. Os maquinistas baixaban dos estribos a botar area nas vías, para que as rodas agarrasen, e os rapaces, empoleirados no valo da fábrica de carburos, apupabamos nos capitáns de ferro coma quen apupa nos bois para que termen da carga, ata que, traballosamente, o comboio recuperaba os folgos e subía a encosta, que outros chamaban a Enfesta. Eran sete quilómetros de caeira brava, entre pinos e cerquiños, xesta e toxeira.”