Todas as obras > A vida que nos mata

A vida que nos mata

Xabier López López
Editado por: Editorial Galaxia
Ano de publicación: 2003

Sinopse

A novela iníciase no balneario de Mondariz, onde se vai celebrar unha voda da alta sociedade da época. A partir dun dobre asasinato desátase unha cadea de acontecementos que han levar a Sebastián Faraldo, xornalista obeso e sentimental, a intentar clarexar toda unha lea de intereses e paixóns ocultas. O protagonista percorrerá diferentes escenarios: en Madrid, os baixos fondos e os cafés literarios; en Bilbao vai topar co lado escuro da industria siderúrxica, en Pontevedra e Vigo terá que loitar contra a incomprensión e a intolerancia dos poderes públicos e a prensa. Unha novela que destaca pola súa capacidade para captar o interese do lector e pola extraordinaria recreación de ambientes e personaxes da época da Segunda República.

Cita

“Teño para min que a xente, esa condena, posúe un don especial para petar na porta no momento máis intempestivo. Atorado como estaba coa louza, aínda tardei un bo anaco en me decatar de que era a miña ventá, a ventá máis castigada da Praza da Leña, a que recibía aqueles pequenos impactos, agudos e precisos coma a cantarea do peto nas fragas. A sobremesa, lenturenta e hipnótica, estricaba os seus sedosos tentáculos pola casa, e a miña intención —xuro que a miña única intención— era rematar de lavar os cacharros, secalos, gardalos, e sorber unha boa cunca dese café que xa comezaba a debuxar entre as paredes a néboa nutricia e olorosa dos trópicos.”